26/05/2013

«Os Grandes», de Xosé Neira Vilas

Acrílico sobre tela - sem título
Debe ser boa cousa chegar a grande. Os grandes son donos de si e do mundo. Fan e desfán, gobernan, arman ó merlo con guerras, negocios e canta trangallada hai. Pero, como di a madriña, «non sempre é ouro o que reluce». Os grandes teñen as suas tristuras e desacougos. E ás veces inda nos gañan en rapazadas. De non ser así non se encabuxarían cando lles sinalamos algo que está mal.
Se pelexamos entre nós, métense eles. Non se decatan de que as nosas liortas son namais que enredos. Rabuñámonos agora e daqui a un chisco estamos amigos outra vez. Fan de xuíces e zoscan a quen cadra e coma cadra, sin averiguacións. As nosas mans son pequenas e non magoan; as deles pesan, fan doer. Se deprendesen de nós non irían á guerra. Na guerra mátanse uns ós outros sen saber as máis das veces polo que. Disque guindan casas, pontes, e !, que sei eu! Semella un xogo.
Pero un xogo con sangue e morte. E despois falan de «educar ós rapaces»...
Nós vimos ó mundo cunha alforxa de preguntas. As cousas éntrannos +polos ollos, polo nariz, polas orellas, e queremos deprender o seu nome e significado. Mais non sempre o logramos. Os maiores cánsanse e fannos calar, arrédannos con algunha estrucia, do que teimamos saber. Calamos. Porque é perigoso non calar a tempo. E calquera día en calquera lugar, facemoslle a pregunta a calquera. O que debían dicirnos nosos pais dínolo un alleo. Un alleo que que talvez nos guíe mal. E irá levedando a nosa vida con formento de fóra, emprestado.
Eu cavilo nesto porque me aconteceu. E acontécelle todos os días a moitos rapaces por aí adiante. Os grandes esquecéronse de cando eles eran pequenos. Se esculcasen os nosos ollos desandarían a tempo. Pero adícanse a outros problemas e non fan caso de nós. 
Nunca souberon meus pais o que eu padezo ata polas cousas máis cativas. Eles lévanse ben, pero algunhas veces renegan entre si, e os seus berros abróuxanme en soños noites enteiras. Non saben o que me doi que sexamos pobres. Non por min que penso gañar moito cando medre, senón por eles. Quixera que tivesen de todo, anque eu siga esfarrapado. A mamái séntalle mal a broa peo non podemos mercar pantrigo. Hai pouco vina chorando porque a cousa lle picou a saia do casamento. Eu calo, engrúñome, pero esas cousas chéganme ó corazón. E tamén me afrixe ter de poñerlle cara de risa ó señor, coma se non abondase con darlle a mitade do que collemos.
Algunha tarde, mentres coidaba o gando na Zanca, cavilara en irme para moi lonxe; sír cos dentes pechados á procura de diñeiro. Maldicir a pobreza. Arroutadas que se me engastallaban nos miolos. Talvez o que aconteceu despois, case sen pensar, fose madurecendo paseniñamente dentro de min, logo daquelas cavilacións.
O padriño contárame o conto dun sabio que comía herbas por non ter outra cousa, e queixábase polo mundo adiante da sua laceira. Un dia revirouse e veu que outro sabio apañaba as herbas que viña guindando. A todo hai quen gañe, para ben e para mal. Se un home crebou unha perna, outro perdeu as duas. Eu son pobre, pero Andrés do Canteiro inda o é mais.
Andrés ten tres irmáns, todos pequechos. O pai bota día e noite na taberna e chega a casa bébedo. Malla na muller e nos fillos. Ténme contado Andrés que algunhas noites de xiada tiveron que saír tremando pola porta para fóra, pois seu pai andaba trás deles cunha navalla. Botaban ata catro días sen comer. E xá teñen ido pedichar pola aldea.
- E túa nai non se arrepón? - díxenlle un dia.
- Como se vai arrepoñer! Ti queres que a balde? Ela trema como unha vara verde cando o ve chegar.
- Tes que ser grande...
Andrés reuse. Coma se para ser grande non tivesen que pasar anos. Porque o tempo non acelera nin se detén. Marcha sempre ó mesmo paso. E segundo o que procuremos detrás del, pode parecernos que bule ou que demora.
(5º capítulo de «Memórias Dun Neno Labrego»)
Literatura em língua galega
Pintura acrílica sem título - Fernando Fernandes